Sunday 05 de May de 2024

Arqueoloxía, musicoloxía, lingua e antropoloxía centraron a sexta edición das xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo


A máquina do tempo volveuse activar na fin de semana cunha nova edición das xornadas de divulgación histórica e patrimonial A Pobra do Caramiñal no Tempo, que, nesta ocasión, abordaron a arqueoloxía, a musicoloxía, a lingua e a antropoloxía.

O alcalde da Pobra do Caramiñal e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; e o xornalista Manuel Gago, un dos promotores desta cita, xunto co rexedor, foron as persoas encargadas de inaugura-la sexta edición destas xornadas no sábado 7, acción que se concentrou no teatro cine Elma.

Na primeira conferencia, a arqueóloga Patricia Mañana-Borrazás introduciu como era a vida 6000 anos atrás en O megalitismo na península do Barbanza e a ría da Arousa: construción de mámoas, dolmens, menhires; estilo de vida nómade, inicio da agricultura e da gandaría, confección de obxectos de cerámica… “Galicia é unha potencia mundial no megalitismo”, afirmou, por se constata-la existencia de aproximadamente 10 000 xacementos megalíticos catalogados. Con relación a isto, analizou a paisaxe megalítica no Barbanza, que destaca pola concentración de dolmens e o menhir de Cristal. No caso da Pobra, fixo referencia ás mámoas das Ceas, do monte do Barbanza, do Alto das Brañas, do Campo das Estibadas, de Moldes, da Cova dos Mouros, do Alto da Barreira, da Forneira e o achado illado dun machado atopado nun control arqueolóxico na rúa Paz.

Deseguido, o historiador e o musicólogo Alberto Cancela Montes impartiu A importancia da Pobra do Caramiñal na vida e obra do músico Ricardo Fernández Carreira. Nado en Caldas de Reis en 1881, comezou a súa etapa na Pobra en 1909: foi director da banda ata 1921, funda e dirixe Lauda Sion e é músico do casino da Pobra, entre outros labores. Acadou o cumio do seu corpus compositivo co poema sinfónico El Pórtico de la Gloria, con influencias de músicos como Stravinsky, Debussy e Strauss. No remate da súa intervención, o relator expresou que foi un compositor que se valía da música tradicional, pero levándoa á confrontación e experimentación con linguaxes modernas.

Tras un breve descanso, retomouse a teoría con Unidade, variación, mudanza: a lingua no sur do Barbanza, da man da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, quen indicou que “non cabe pensar que unha lingua viva non teña variación”, pois esta acomódase en función de múltiples factores como as circunstancias culturais, económicas e sociais do territorio. Tamén disertou sobre as clasificacións léxicas, morfolóxicas e fonéticas que se lle aplican ao idioma galego, ademais de salienta-la riqueza lingüística do Barbanza, con pezas léxicas únicas.

No final, tocou escoita-lo antropólogo Rafael Quintía con O mundo simbólico do mar na ría da Arousa. Algúns dos factores de ameaza existentes na nosa tradición son o maligno, os malos espíritos, o mal de ollo, a enfermidade e a meteoroloxía, o cal afecta o mundo mariño que representa o alleo, o non humano, o salvaxe, o descoñecido, o perigoso e o alén. Para protexerse, a xente da costa levou a cabo unha serie de prácticas rituais; uns métodos de protección que tamén se fan extensibles á casa mariñeira e á propia persoa co uso de amuletos.

Como agasallo para o público presente, fíxose a entrega dunha reprodución do plano conservado na Real Chancelaría de Valladolid, que permite coñece-la distribución do interior dunha casa de familia acomodada da Pobra do Caramiñal a finais do século XVIII.

A parte práctica desenvolveuse na mañá do domingo 8 a través dun percorrido a cargo do director do Museo Valle-Inclán, Antonio González Millán, pola parroquia do Xobre, na celebración do 300.° aniversario da construción da súa igrexa, que contou coa participación de arredor de 50 persoas.

Os coloquios permanecen dispoñibles para o seu visionamento na canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.